Un divertimento escénico que xoga coa memoria dese mundo que noutrora todos habitamos: a escola
Un divertimento teatral que, neste atribulado tempo no que a escola é un dos ámbitos eivados polo COVID, xoga coa memoria herdada dese mundo que, a gusto ou a desgusto, todos habitamos algún día
Escrito, dirixido e interpretado por: Cándido Pazó
Nun hipotético tempo… nunha suposta situación… A piques e dar o seu discurso de investidura, un recén elixido Presidente da Xunta enfróntase a un inesperado problema…
Un choqueiro tic nervioso ameaza con arruinar tan solemne momento. Un psiquiatra acode para atendelo e iníciase unha divertida e incisiva batalla dialéctica entre os dous.
Cales son as motivacións que levan a alguén a querer ser presidente do seu país, unha responsabilidade da que fuxiriamos a maioría dos cidadáns?
Intérpretes: Monti Castiñeiras, Antonio Mourelos
Texto orixinal: Ramón Madaula
Versión Galega: Cándido Pazó
Iluminación: Afonso Castro
Escenografía: Dani Trillo
Música: Manuel Riveiro
Deseño gráfico: Miramemira
Produción: Lilian Portela
Dirección de produción: Sergi Calleja, Belén Pichel
Combinando sutileza e comicidade a partes iguais, A compañeira de piso trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.
Dende o seu paso polo Humana Festival (Louisville, Kentucky) en 2015, a obra A compañeira de piso (The Roommate), de Jen Silverman, leva sendo representada con éxito por varias compañías nos Estados Unidos ata o día de hoxe. Destacada pola crítica americana como unha mestura de “Thelma & Louise”, “A estraña parella” e “Breaking Bad”, Contraproducións presenta a primeira adaptación fóra dos escenarios norteamericanos en co-produción co Centro Dramático Galego.
Sinopse: Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
Intérpretes: Patricia Vázquez e Rebeca Montero – Coa colaboración na voz en off de Xose Barato como fillo de Sharon
Texto orixinal: Jen Silverman
Adaptación: Lilian Portela
Iluminación: Afonso Castro
Escenografía: Carlos Alonso
Vestiario: Belén Pichel
Maquillaxe: Rebeca Montero
Música orixinal: Guillerme Fernández
Ilustración e deseño gráfico: Lúa Gándara
Realización vídeo: MM fineart&love
Axudante de dirección e Produción executiva: Lilian Portela
En 1.993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, estreábase COMMEDIA un xoguete para Goldoni un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisitamos aquela experiencia, celebramos aquela festa teatral.
Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pois a carta non era para ela, pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais.
A partir deste arranque argumental sucédense unha serie de divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da “commedia dell ́arte”: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina…
Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.
Dramaturxia e traballo textual: Cándido Pazó
Actores e Actrices: Victor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi, Sergio Zearreta
Elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.
A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, o bardo bergantiñán, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación e a xove criada da pensión na que está albergado.
Unha coprodución do FIOT de Carballo e Contraproducións, baixo o auspicio da Fundación Eduardo Pondal, para celebrar o 100 aniversario da morte do bardo bergantiñán.
Texto: Cándido Pazó
Actores: César Cambeiro como Don Eduardo, Adrián Ríos como Eduardo, Alba Bermúdez como Rosa
Catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza, xuntándose nunha aula de cultura, hai anos pechada, dunha entidade bancaria que hai anos cambiou de nome.
En vista de que non topan textos para catro mulleres, aventúranse a promovelo elas, encomendándollo a unha xove escritora que vive emigrada, partindo dunha noticia aparecida nos xornais:
A policía rescata tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago
Con esa inspiración van argallando un espectáculo en múltiples planos no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, entran no entramado argumental do caso, pero tamén en múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos desde a perspectiva de xénero: a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración…
Catro actrices que interpretan unha ducia de personaxes. Un escenario no que se representan os máis variados espazos e situacións.
Un espectáculo para pensar e desfrutar, emocionarse e divertirse.
Texto: Cándido Pazó
Actrices: Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans
Unha proposta unipersoal, a cabalo entre a narración e o teatro, que busca os seus antecedentes escénicos nas actuacións en solitario de Darío Fo e outros cultivadores da xograría da palabra.
Un traballo que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias.
Unha función tan directa, inmediata e áxil recepción coma o monólogo cómico e o conto tabernario e tan coidada na posta en escena, luz e son coma unha montaxe teatral.
Un texto divertido e emotivo no que o cómico e narrador, desde o humor e a evocación, enfía varias historias nun conxunto dramatúrxico que reivindica e homenaxea a memoria de dúas personaxes humildes e anónimas implicadas no atribulado momento histórico que lles tocou vivir.
Escrito, deseñado e narrado por: Cándido Pazó
Iluminación: Afonso Castro
Atrezzo: Carlos Portomeñe
Deseño espazo sonoro: Cándido Pazó e Afonso Castro
Colaboración musical: María Xosé López e Manuel Riveiro
Un espectáculo que trata un tema actual, a violencia de xénero, con frescura, sen tópicos nin maniqueísmos. Un espectáculo no que, igual que na vida, coexiste a traxedia coa comedia, confundíndose e confabulándose. Un espectáculo pensado para a recepción directa, no que o interese e o agrado do público poden ir da man. Un espectáculo con sete actores en escena no que se aposta pola forza e a maxia da interpretación. Un espectáculo no que todos os signos escénicos, iluminación, música, escenografía, están coidados para ofrecer un produto de calidade
Reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo argumentan outros propietarios, as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles.
Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta desavinza, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nunha das vivendas está a desencadearse unha situación de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.
Autor e dirección: Cándido Pazó
Produción: Abrapalabra creacións escénicas
Reparto: Xosé Manuel Olveira “Pico” ¬ Delio, Susana Dans ¬ Rosa, Iolanda Muíños ¬ Lucía, Marcos Orsi ¬ Suso, Ricardo de Barreiro ¬ Guzmán, Marián Bañobre ¬ A nena
Un texto de personaxes labrados e brillantes, nos que os actores poden facer alarde do seu oficio e talento. Un elenco de actores e actrices de gran atractivo pola súa exitosa e constante presenza no teatro e no audiovisual, nunha combinación de profesionais de longa e premiada experiencia con novos e xa recoñecidos valores no mundo da interpretación.
Podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.
Un espectáculo de gran formato (8 actores de prestixio, potente escenografía, música emocionante composta para o espectáculo, iluminación atractiva) no que o público se sentirá atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan entrañable, tan noso, coma o irlandés.
Dirección: Cándido Pazó
Reparto: Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans
Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.
Escrito por Cándido Pazó (tomando como punto de partida entrevistas a ex-traballadoras realizadas polas actrices, baixo a dirección de Cristina Domínguez da Pena), o texto é unha sucesión de cadros onde se mistura realismo e ficción teatral, emoción e artificio, coa combinación de drama e humor que caracteriza os seus textos máis coñecidos (A piragua, Binomio de Newton, García, E ti que vés sendo?) para establecer unha comunicación amena e emotiva co público.
As do Peixe son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.
É un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo… porque así eran aquelas mulleres.