Próximas Datas

    Non hai datas próximas

Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.

Escrito por Cándido Pazó (tomando como punto de partida entrevistas a ex-traballadoras realizadas polas actrices, baixo a dirección de Cristina Domínguez da Pena), o texto é unha sucesión de cadros onde se mistura realismo e ficción teatral, emoción e artificio, coa combinación de drama e humor que caracteriza os seus textos máis coñecidos (A piragua, Binomio de Newton, García, E ti que vés sendo?) para establecer unha comunicación amena e emotiva co público.

As do Peixe son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.

É un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo… porque así eran aquelas mulleres.


  • Texto: Cándido Pazó
  • Actrices: Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González
  • Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Espazo Sonoro: Samuel Alonso
  • Colaborador na produción: Avelino Cores “Fáber”
  • Producción e Distribución: Belén Pichel
  • Dirección: Cristina Domínguez da Pena