Próximas Datas

    Non hai datas próximas

Un espectáculo que trata un tema actual, a violencia de xénero, con frescura, sen tópicos nin maniqueísmos. Un espectáculo no que, igual que na vida, coexiste a traxedia coa comedia, confundíndose e confabulándose. Un espectáculo pensado para a recepción directa, no que o interese e o agrado do público poden ir da man. Un espectáculo con sete actores en escena no que se aposta pola forza e a maxia da interpretación. Un espectáculo no que todos os signos escénicos, iluminación, música, escenografía, están coidados para ofrecer un produto de calidade

Reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo argumentan outros propietarios, as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles.

Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta desavinza, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nunha das vivendas está a desencadearse unha situación de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.

  • Autor e dirección: Cándido Pazó
  • Produción: Abrapalabra creacións escénicas
  • Reparto: Xosé Manuel Olveira “Pico” ¬ Delio, Susana Dans ¬ Rosa, Iolanda Muíños ¬ Lucía, Marcos Orsi ¬ Suso, Ricardo de Barreiro ¬ Guzmán, Marián Bañobre ¬ A nena
  • Axudante de dirección: Belén Pichel
  • Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
  • Composición musical: Manuel Riveiro Hermo
  • Deseño de iluminación: Afonso Castro
  • Deseño de máscaras: Carlos Portomeñe
  • Fotografía: Tono Arias
  • Deseño gráfico: Alberto Gende