Nacidas libres

Catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza, xuntándose nunha aula de cultura, hai anos pechada, dunha entidade bancaria que hai anos cambiou de nome.

En vista de que non topan textos para catro mulleres, aventúranse a promovelo elas, encomendándollo a unha xove escritora que vive emigrada, partindo dunha noticia aparecida nos xornais:

A policía rescata tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago

Con esa inspiración van argallando un espectáculo en múltiples planos no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, entran no entramado argumental do caso, pero tamén en múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos desde a perspectiva de xénero: a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración…

Catro actrices que interpretan unha ducia de personaxes. Un escenario no que se representan os máis variados espazos e situacións.

Un espectáculo para pensar e desfrutar, emocionarse e divertirse.

  • Texto: Cándido Pazó
  • Actrices: Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans
  • Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Música e Espazo Sonoro: Guillerme Fernández
  • Axudante de Dirección: Belén Pichel
  • Axudante de Produción: Lilian Portela
  • Xefa de Produción: Belén Pichel
  • Dirección: Cristina Domínguez da Pena

Como cho conto

“Como cho conto…” é un espectáculo de narración oral, unha sesión de contos na que se van enfiando historias, anécdotas, lerias… de creación propia, ás veces baseadas na tradición oral, ou ben na literatura axeitada á oralidade.

Nunha mistura entre o narrador e o xogral da palabra, entre o charlatán de feira e o cómico, as historias de cada sesión escóllense e réxense sobre a marcha, dependendo do ambiente, o público concreto, a gana e inspiración do “conteiro”, as circunstancias do día…

Un estilo de contar que procura a fronteira entre o culto e o popular, entre a oralidade más coloquial e unha intuitiva e non ensaiada estilización escénica.

Historias tricolores

Unha proposta unipersoal, a cabalo entre a narración e o teatro, que busca os seus antecedentes escénicos nas actuacións en solitario de Darío Fo e outros cultivadores da xograría da palabra.

Un traballo que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias.

Unha función tan directa, inmediata e áxil recepción coma o monólogo cómico e o conto tabernario e tan coidada na posta en escena, luz e son coma unha montaxe teatral.

Un texto divertido e emotivo no que o cómico e narrador, desde o humor e a evocación, enfía varias historias nun conxunto dramatúrxico que reivindica e homenaxea a memoria de dúas personaxes humildes e anónimas implicadas no atribulado momento histórico que lles tocou vivir.

  • Escrito, deseñado e narrado por: Cándido Pazó
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Atrezzo: Carlos Portomeñe
  • Deseño espazo sonoro: Cándido Pazó e Afonso Castro
  • Colaboración musical: María Xosé López e Manuel Riveiro
  • Deseño Gráfico: Alberto Gender
  • Técnico de luz e son: Afonso Castro
  • Produción: Belén Pichel

A Piragua

Un espectáculo que trata un tema actual, a violencia de xénero, con frescura, sen tópicos nin maniqueísmos. Un espectáculo no que, igual que na vida, coexiste a traxedia coa comedia, confundíndose e confabulándose. Un espectáculo pensado para a recepción directa, no que o interese e o agrado do público poden ir da man. Un espectáculo con sete actores en escena no que se aposta pola forza e a maxia da interpretación. Un espectáculo no que todos os signos escénicos, iluminación, música, escenografía, están coidados para ofrecer un produto de calidade

Reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo argumentan outros propietarios, as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles.

Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta desavinza, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nunha das vivendas está a desencadearse unha situación de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.

  • Autor e dirección: Cándido Pazó
  • Produción: Abrapalabra creacións escénicas
  • Reparto: Xosé Manuel Olveira “Pico” ¬ Delio, Susana Dans ¬ Rosa, Iolanda Muíños ¬ Lucía, Marcos Orsi ¬ Suso, Ricardo de Barreiro ¬ Guzmán, Marián Bañobre ¬ A nena
  • Axudante de dirección: Belén Pichel
  • Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
  • Composición musical: Manuel Riveiro Hermo
  • Deseño de iluminación: Afonso Castro
  • Deseño de máscaras: Carlos Portomeñe
  • Fotografía: Tono Arias
  • Deseño gráfico: Alberto Gende

O tolleito de Inishmaan

Un texto de personaxes labrados e brillantes, nos que os actores poden facer alarde do seu oficio e talento. Un elenco de actores e actrices de gran atractivo pola súa exitosa e constante presenza no teatro e no audiovisual, nunha combinación de profesionais de longa e premiada experiencia con novos e xa recoñecidos valores no mundo da interpretación.

Podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

Un espectáculo de gran formato (8 actores de prestixio, potente escenografía, música emocionante composta para o espectáculo, iluminación atractiva) no que o público se sentirá atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan entrañable, tan noso, coma o irlandés.

  • Dirección: Cándido Pazó
  • Reparto: Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans

As do Peixe

Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.

Escrito por Cándido Pazó (tomando como punto de partida entrevistas a ex-traballadoras realizadas polas actrices, baixo a dirección de Cristina Domínguez da Pena), o texto é unha sucesión de cadros onde se mistura realismo e ficción teatral, emoción e artificio, coa combinación de drama e humor que caracteriza os seus textos máis coñecidos (A piragua, Binomio de Newton, García, E ti que vés sendo?) para establecer unha comunicación amena e emotiva co público.

As do Peixe son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.

É un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo… porque así eran aquelas mulleres.


  • Texto: Cándido Pazó
  • Actrices: Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González
  • Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Espazo Sonoro: Samuel Alonso
  • Colaborador na produción: Avelino Cores “Fáber”
  • Producción e Distribución: Belén Pichel
  • Dirección: Cristina Domínguez da Pena

Decamerón

Unha fórmula híbrida, teatro e narración oral, na que Cándido Pazó combina e optimiza a súa pericia neses dous ámbitos da comunicación escénica, satisfacendo todo tipo de públicos, nun encontro entre o culto e o popular.

Un espectáculo explosivo no que actor e espectador están en continua conexión, nun discurso irónico e cun ritmo trepidante.

Na nosa versión adaptamos uns contos do orixinal. Os máis divertidos e mordaces, os de máis proveito hoxe en día, os máis acaídos para o noso tratamento escénico. Unha selección que varía según o tipo de público: xeral ou escolar (2º ciclo de ESO y bachiller).

  • Adaptación e Cómico narrador: Cándido Pazó
  • Composición e dirección musical: Manuel Riveiro
  • Grabación musical: Harry C (viola, violín y mandolina), Manuel Riveiro (Guitarras, percusión, piano y programaciones)
  • Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Deseño gráfico: Miramemira
  • Colaborador na producción: Avelino Cores “Faber”
  • Axudante de dirección e xefe técnico: Afonso Castro
  • Producción: Belén Pichel
  • Dirección: Cándido Pazó

Rarara

Un divertido espectáculo no que, xogando en verso ou en prosa, dous actores y dúas actrices fan que as ras descubran que na noite tamén pode haber luz e, perdéndolle o medo, aprendan a cantar.

Despois de Historias Tricolores, Memorias dun neno labrego, Decamerón e As do peixe, este é o primer espectáculo destinado ao público infantil e familiar producido por ABRAPALABRA Creacións Escénicas.

Co mesmo nivel de esixencia, rigor e compromiso creativo: un talentoso corpo actoral que combina a garantía da veteranía co entusiasmo da xuventude, un dinámico e deleitoso acompañamento audiovisual, unha coidada escenografía, unha iluminación vistosa para potenciar cada momento argumental e emotivo.

Uns ingredientes que perseguen confirmar e afianzar o selo co que se quere definir esta compañía: a comunicación directa, amena e empática co público.

  • Dirección: Cándido Pazó
  • Texto: Cándido Pazó
  • Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
  • Colaborador na Realización Escenográfica: David Fuentes
  • Colaboradora na Realización de Vestuario: Cloti Vaello
  • Composición, Grabación e Dirección Musical: Manuel Riveiro
  • Videocreación e Deseño Gráfico: Nano Besada
  • Deseño de Iluminación: Afonso Castro
  • Técnico de Luz e Son Grabado: Héctor Pazos
  • Técnico de Vídeo e Son Directo: Afonso Castro
  • Colaborador na Producción: Avelino Cores “FÁBER”
  • Axudante de Dirección: Afonso Castro
  • Producción e Distribución: Belén Pichel